Oia tamén posúe interesantes exemplos de arquitectura popular e patrimonio etnográfico como muíños, hórreos (coñecidos na zona como canizos), lavadoiros, fontes, curros para os cabalos e un foxo do lobo, entre outros.

En prazas e cruces de camiños pódense contemplar os traballos de sabias mans canteiras ás que lles foi encargada a realización de cruceiros. Entre eles destaca un exemplar do século XVIII situado preto do Mosteiro de Oia, na Praza da Centinela, decorado cunha piedade, unha representación de ánimas e un peto para esmolas.

Os labores da pesca e o marisqueo tamén teñen deixado un legado pétreo nas costas oienses. Coa marea baixa, no Arrabal pódense apreciar os restos da Camboa (fronte ao Mosteiro) e, na zona de Mougás, as cetarias empregadas décadas atrás para a cría de lagosta.

Dentro do patrimonio industrial destaca o faro de Cabo Silleiro cos seus potentes escintileos de luz, destinados a alumear a entrada á Ría de Vigo e guiar a navegantes por unha zona onde se teñen producido numerosos naufraxios ao longo da historia. O conxunto está formado por un edificio con planta en forma de C e unha torre de 18 metros de altura, cun sinal luminoso de 30 millas de alcance que tamén é visible para os avións.

Situado nun enclave de gran valor paisaxístico, este sinal marítimo entrou en servizo no ano 1924 para substituír ao faro vello que había nas inmediacións, en terreos do veciño municipio de Baiona. Hoxe aínda son visibles os restos da antiga estrutura.