A Apalpadora visita Oia o próximo 26 de decembro

A Apalpadora visitará Oia este Nadal para coñecer a todos os nenos e nenas do municipio e repartir landras e moita ilusión no vindeiro ano 2019. O encontro será o día 26 de decembro ás 17.00 horas no Centro Cultural de Mougás, dentro da Semana Cultural.

Directamente desde as montañas, a Apalpadora chegará a Oia cunha actividade musical na que falará da importancia de coidar a natureza e de manter unha vida sá. Tamén explicará os beneficios da compostaxe e mostrará aos pequenos e pequenas o valor da lingua galega.

Ademais, repartirá sobres con landras recollidas polo persoal da Estación Fitolóxica de Areeiro, nunha divertida tarde onde a natureza, a vida no rural, a maxia e a ilusión serán as protagonistas.

Esta actividade enmárcase dentro da iniciativa Nadal en Galego da Deputación de Pontevedra (Ano da Lingua) e está incluída na programación da Semana Cultural que organiza a Asociación Veciñal de Mougás, coa colaboración do Concello de Oia.

[ssba-buttons]